![A bispa Christina Moreira, esta terza feira 24 de xuño, en Brión (comarca de Compostela). [Foto: Nós Diario]](https://www.nosdiario.gal/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/nosdiario/images/2025/06/24/2025062422344627682.jpg)
Christina Moreira Vázquez (París, 1964) é desde esta terza feira a primeira galega bispa. Foi ordenada pola Asociación de Presbíteras Romanas Católicas (Arcwp). Moreira prefire definirse simplemente como "discípula de Xesús" e considera que “ser bispa é unha misión, non un cargo”.
A nova bispa sitúase "na liñaxe de grandes bispos e bispas, o primeiro deles por orde de lista Prisciliano, bispo nado na Galiza; o seu estilo inspírame moito". Tamén Pere Casaldáliga –bispo na Amazonía–, Óscar Romero –arzobispo de San Salvador e mártir– e o chamado "bispo roxo" Jacques Gaillot. Tres bispas ordenadas no Danubio en 2002 transmitíronlle esta terza feira a “sucesión apostólica” nun acto decorrido na comarca de Compostela.
A de Christina Moreira foi "unha vocación temperá" que sentiu "cando era moi rapaza". Xa daquelas recoñece que "se tivera sido home tería ingresado no seminario xa con 17 anos, pero como era muller levoume un pouco máis de tempo poder facelo", comenta en conversa con Nós Diario. A alternativa para Moreira foi "ir facendo o camiño pouco a pouco". Estudou Teoloxía e contactou coa Asociación de Presbíteras Romanas, que comezou a ordenar mulleres bispas no Danubio en 2002.
O "camiño" percorrido pola que agora é a primeira muller bispa galega pasou pola súa ordenación primeiro de diaconisa e no 2015 de presbítera. De cara ao futuro e xa como bispa quere "compartir con máis xente isto que nós facemos, e facer realidade o que nos negan, que é a igualdade e o poder ser todas discípulas de Xesús sen trabas de sexo nin de ningunha clase". Ten claro que na Igrexa Católica Apostólica e Romana "a presenza das mulleres é un tema tabú".

O tabú das mulleres
Explica sobre isto que "en Roma isto é un tabú porque alguén deu por feito que ía rachar a Igrexa", algo que asegura que é "sumamente inxusto e pouco axeitado". A nova bispa ten claro que "os que están rompendo a Igrexa son os que abusan". Está convencida de que o feito de que as mulleres "esteamos listas para servir, traballar e colabora"” non racha nada senón que "achega riqueza". Moreira critica que "levamos séculos e milenios agardando para poder axudar e non ser un problema, senón a solución. Considero que as mulleres imos ser a solución, e até que o vexan non imos parar", remacha tallante a bispa.
Exerce desde que foi nomeada diaconisa, e até agora como unha das dúas presbíteras na Comunidade Cristiá do Home Novo, que celebra seus oficios na Coruña, onde Manuel Espiña –sacerdote e teólogo galego– "sempre soñou con ter unha sede episcopal", lembra Moreira. Pero explica que o seu nomeamento como bispa "é para traballar en todo o planeta coas miñas compañeiras bispas da asociación e poder ordenar onde se me necesite". Detalla que no seu caso, non existen dioceses "nin territorio, fronteiras, pazo episcopal, asignación económica, ou algún tipo de poder temporal ou político".
Preguntada pola diferenza entre unha misa súa e a dun sacerdote calquera, Cristina Moreira teno claro: "Os fregueses senten que no que predico hai notas de cariño, de emoción e de empatía que non acostuma haber cando falan os homes". Explica que no seu caso está "máis pendente das cousas do cotián” e sabe de que fala cando o fala de "nenos, de partos, de mortes, de sufrimento...". Efectivamente, a bispa Moreira lembra que é "nai e muller traballadora, teño experiencia en todo iso e falo con propiedade".







No comments:
Post a Comment